
Este é o título do proxecto de investigación que vai desenvolver neste curso o alumnado de 5º de Primaria, relacionado co PDI anual do colexio.
E por que este título? Pois veredes...
"Pinga a pinga..." é a primeira parte do nome do proxecto de centro. Xa sabemos que é moi importante que cada un de nós faga a súa aportación, por pequena que sexa.
Pero se, por riba, esas pingas se xuntan, conseguen ter un gran poder, aínda sendo cada unha delas moi pequenas.
Así o puidemos comprobar co visionado, na clase, deste vídeo sobre o río Sil e o canón por onde discorre, que nos serviu de pistoletazo de saída para a nosa investigación.
Certo é que o canón se formou en boa parte pola presenza dunha falla tectónica que produciu esta depresión, pero tamén grazas á acción erosiva da auga do río (deses milleiros...millóns...billóns... de pingas) sobre a pedra granítica das montañas que o acobillan. Non me digades que isto non é ter PODER!
Pero aínda hai máis... Como falamos na clase, todas esas pingas que xuntas forman o río Sil, teñen outro poder do que a nosa sociedade actual saca moito partido: a súa enerxía. E ó longo do curso do río, en distintas instalacións, se transforma en enerxía eléctrica para o noso consumo.
E éste é o poder no que nos imos centrar para saber máis sobre a enerxía, a enerxía eléctrica, en concreto, e as centrais hidroeléctricas.
Así que, preparados....que comezamos....
0 comentarios:
Publicar un comentario